>
  • Cabe lembrar que, hai máis de un ano e medio, os Populares propuxeron demandar do Goberno central que, durante as obras da autovía entre Lavacolla e Arzúa, se adoptasen as medidas precisas para darlle continuidade ao trazado das estradas N-634 e N-547
  • O propósito da solicitude era que se leve a cabo unha actuación complementaria, coa oferta dos terreos por parte do Concello, para conseguir unha mellora da mobilidade e o adecuado mantemento dos servizos de transporte público, ademais dunha axeitada integración do Camiño de Santiago nesa zona
  • Cabe sinalar que o pasado 24 de maio, a dous días das eleccións europeas e municipais, poñíase en servizo o novo tramo da autovía sen que se concretaran as medidas que se tiñan acordado no seo da Corporación e, o que é máis grave, sen rematar axeitadamente as obras nos arredores desta área
  • Como indican as persoas afectadas da zona de Amarelle, “creáronse problemas onde antes non os había”, así pasaron dous meses que o tramo de autovía foi inaugurado e a veciñanza contempla con estupor como, neste tempo, as máquinas e operarios desapareceron, sen que as obras e a súas incomodidades remataran
  • Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2019. O Grupo Municipal Popular presentará no vindeiro Pleno ordinario unha moción para requirir, de forma urxente, ao Ministerio de Fomento distintas actuacións referidas ao trazado entre as estradas N-634, desde a zona de cabeceira aeroportuaria ata o enlace coa N-547, nas inmediacións dos terreos do polígono empresarial do Pino, co fin de mellorar a mobilidade de vehículos e peóns na parroquia santiaguesa de Lavacolla. Cabe lembrar que, hai máis de un ano e medio, os Populares propuxeron demandar do Goberno central que, durante as obras da autovía entre Lavacolla e Arzúa, se adoptasen as medidas precisas para darlle continuidade a dita vía. Este acordo foi aprobado por unanimidade.

    O propósito da solicitude do grupo que dirixe Agustín Hernández non era nin é outra que acadar que se leve a cabo unha actuación complementaria, coa oferta dos terreos por parte do Concello, para, como diciamos, conseguir unha mellora da mobilidade e o adecuado mantemento dos servizos de transporte público, ademais dunha axeitada integración do Camiño de Santiago.

    Ante a realidade de que a actuación realizada na vía de servizo presenta deficiencias e non responde ao acordado no seu día, o Partido Popular insiste en que o Goberno municipal reclame ao Executivo central que se executen as seguintes demandas dos veciños e usuarios:

    ü  O remate dos traballos da vía de acceso que enlaza a N-547 coa N-634, que presenta problemas relacionados coa estrutura nos firmes; tratamento de pluviais; reposición de servizos; proteccións; sinalización e que dea unha atención especial aos acabados no ámbito máis inmediato á traza do Camiño de Santiago.

    ü  Manter a reivindicación dun proxecto construtivo complementario, co fin de darlle un tratamento axeitado, uniforme, coherente e funcional, á continuidade do itinerario entre a antiga estrada N-634 desde as proximidades do paso subterráneo existente preto da cabeceira da pista aeroportuaria ata enlazar coa N-547, nas inmediacións dos terreos do polígono empresarial do Pino.

    Os Populares consideran que, pola súa parte, o Concello terá que realizar unha planificación que permita acometer de forma gradual, conforme ás prioridades detectadas, a mellora de firme e servizos no tramo municipal da antiga estrada N-634 entre San Lázaro e Lavacolla.

    Queixas veciñais e de usuarios

    Como indican os veciños e como se pode ver nas imaxes que acompañamos, a celeridade dos traballos para a posta en servizo da autovía supuxo un gran número de incidencias e deficiencias na vía de servizo, sobre todo, na marxe dereita dirección Arzúa e nos arredores do paso elevado: trazado con curvas excesivamente pronunciadas; afundimentos da capa de rodadura; deficiencias no tratamento de pluviais, que provocan asolagamentos e arrastre de áridos, unha circunstancia moi apreciable nas interseccións co Camiño de Santiago e na contorna das sinais de aproximación para o tráfico aéreo; e os excesivos desniveis sen as necesarias proteccións.

    Outras protestas da veciñanza indican o desleixo estético e paisaxístico no proceso construtivo; a ausencia dunha parada de autobús que fora comprometida; a inexistente delimitación para o tránsito peonil no paso elevado sobre a autovía; o mantemento de elementos perigosos, como os parafusos para fixar sinais informativas que foron retiradas, as caixas de acometidas eléctricas suspendidas nas marxes do trazado ou a provisionalidade nas conducións de servizos, como o de telefonía, que manteñen o cableado aéreo que substituíu ao que antes era subterráneo, con impacto visual e deficiencias no servizo.

    Así, o pasado 24 de maio, na fin de semana na que se celebraron as eleccións europeas e municipais, poñíase en servizo o novo tramo da autovía sen que se concretaran as medidas que se tiñan acordado no seo da Corporación e, o que resulta máis grave, sen rematar axeitadamente as obras nos arredores desta zona.

    Tal e como indican as persoas afectadas da zona de Amarelle, “creáronse problemas onde antes non os había”. Vai para dous meses que o tramo de autovía foi inaugurado e a veciñanza contempla con estupor como neste tempo as máquinas e operarios desapareceron, sen que as obras e a súas incomodidades remataran.

    Antecedentes

    O Grupo Popular xa lle fixera chegar ao Goberno municipal un proxecto básico para ese fin, segundo as demandas da veciñanza, onde se fixaba un trazado con dous carrís de 3,5 metros e beiravías de 0,75 m., nunha lonxitude de case un quilómetro, entre as inmediacións do paso subterráneo e o paso superior que conecta co núcleo de Amarelle. O orzamento estimado para dita actuación estimábase nuns 300.000 euros.