>
  • Os populares dubidan que o anterior contrato, de acordo coas limitacións da normativa de contratación, poida ser prorrogado
  • Solicita que se clarexe esta cuestión, ao igual que as condicións para a nova licitación, para evitar a preocupación e a polémica por este servizo durante o pasado mandato
  • Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2019. O Grupo Municipal Popular presentará no Pleno ordinario da vindeira semana unha pregunta sobre as garantías que pode ofrecer a xestión dos comedores escolares, nos nove colexios públicos que ten ao seu cargo o Concello de Santiago, ante o anuncio de manter este servizo cun contrato vencido, sen posibilidade expresa de prórroga, nin da prórroga excepcional prevista na Lei de contratos.

    Lembran os populares na súa iniciativa que este servizo xa foi motivo de preocupación e polémica durante o pasado mandato, tanto polas condicións na prestación como polos reiterados incumprimentos do Goberno de Compostela Aberta respecto da súa contratación e regularización, ata que en 2017 se procedeu a formalizar o contrato por dous anos, sen posibilidade de prórroga, coa mesma empresa que viña prestando o servizo.

    Co remate do período de vixencia do contrato para os comedores escolares no curso 2018-2019, a continuidade do servizo volveuse a ver envolto nunha nova polémica sobre a existencia ou non dos pregos necesarios para proceder a unha nova licitación e sobre as condicións a incluír no novo contrato, conforme ás reiteradas demandas da Federación de Asociacións de Nais e Pais.

    Ante o anuncio actual Goberno local de prorrogar este contrato vencido, sen posibilidade de prórroga, o Grupo Popular formula as súas dúbidas que de acordo coas limitacións que contempla a normativa de contratación se poida continuar co vello contrato e que se faga nas mellores condicións. Por este motivo interésase polas as garantías que ofrece o Goberno local para asegurar a prestación deste servizo no inicio do novo curso escolar e se na nova licitación a realizar durante este ano se van incluír as condicións solicitadas pola Federación de ANPAS.