>
  • O servizo para a xestión do centro de ensino estase a prestar de forma irregular desde que en novembro de 2017 se esgotara a derradeira prórroga do contrato
  • O procedemento de contratación está paralizado desde que o Tribunal de Contratación Publica anulara a exclusión da única empresa presentada e o anterior Goberno local formulara un recurso de lesividade contra a súa propia actuación
  • Os populares buscan a resposta do Goberno ante a paralización da contratación provocada polo recurso e as dúbidas sobre a forma en que se lle dará continuidade á xestión deste servizo
  • Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2019. O Grupo Municipal Popular presentará no Pleno ordinario da vindeira semana unha pregunta sobre os plans que manexa o Goberno local para garantir a continuidade do servizo de docencia e organización da Escola Municipal de Música.

    Na súa iniciativa, os populares lembran que o contrato de servizo para a xestión da Escola Municipal de Música, que desde hai máis dunha década viña prestando a mesma empresa, rematou en novembro de 2017, despois de esgotar as prórrogas acordadas polo Goberno anterior. Desde entón mantívose unha situación irregular ao decidirse a continuidade do servizo sen contrato ata que se culminara o procedemento de licitación e adxudicación do servizo de docencia e organización.

    Realizada a licitación polo anterior goberno de Compostela Aberta, esta declarouse deserta en maio de 2018 porque –segundo argumentaba o Goberno- a única empresa presentada “non cumpría os requisitos”, cuestión que foi rexeitada polo Tribunal Administrativo de Contratación Pública a quen recorreu a empresa. O citado Tribunal anulou a exclusión da empresa no procedemento e dispuxo que se continuara coa tramitación da licitación. Ante esta situación, o Goberno anterior adoptou a curiosa decisión de denunciarse a sí mesmo, cun recurso de lesividade, para tratar de lograr a anulación xudicial do prego que serviu para a licitación.

    Tal e como se recolle na exposición de motivos da pregunta do Grupo Popular, este recurso xudicial ten provocado a paralización do procedemento de contratación e que existan moitas dúbidas arredor da forma na que se lle dará continuidade á xestión deste servizo, razón pola que se formula unha pregunta ante o Pleno da Corporación para coñecer as previsións do Goberno ao respecto.