>
  • Os populares demandarán esta medida ante as dificultades que lle expresaron representantes de colectivos sociais, como os do barrio de Conxo con motivo do San Xoán
  • Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2019. O Grupo Municipal Popular presentará no Pleno ordinario da vindeira semana unha iniciativa dirixida a que o Goberno municipal articule un procedemento estable e eficaz que permita atender de forma áxil a cesión do material necesario que se demanda por parte de asociacións e entidades veciñais para a organización de festas e celebracións populares.

    Segundo pon de manifesto o grupo municipal Popular, representantes veciñais do barrio de Conxo fixéronlle chegar que durante a celebración das festas de San Xoán deste ano tiveron dificultades para obter a colaboración municipal no tocante á dotación de material que, habitualmente, reciben por parte do concello, fundamentalmente valos de protección e recipientes para o lixo para instalar no lugar da celebración. Unha situación que, ao parecer, tamén se viviu noutras zonas do Concello.

    Os populares advirten da necesidade de dar cumprida e puntual resposta ás demandas veciñais para aquelas celebracións, como a da noite de San Xoán, que contan cunha arraigada tradición en especial no barrio de Conxo, onde a veciñanza se implica ao longo de varios días nos preparativos e na organización de moitos actos con este fin.

    En consonancia con esta dedicación, o Concello debe aplicarse á hora de facilitar a súa colaboración para non supoñer un atranco para levar a cabo unha organización participativa, realizada de forma desinteresada e altruísta.