>
  • Outra das preguntas que farán os Populares no Pleno ordinario do vindeiro mércores refírese á nula información sobre as tarefas de roza nas pistas forestais, que teñen como obxectivo principal mellorar a accesibilidade e a prevención de incendios
  • Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2019. O Grupo Municipal Popular solicita información sobre distintas cuestión como cales son as medidas adoptadas polo Goberno local para acoller as persoas que soen durmir na rúa, sobre todo, tendo en conta que estamos nunha tempada de temporais e olas de frío.

    Segundo se deu a coñecer, o Concello puxo a disposición desas persoas para pernoitar as instalacións do servizo de Protección Civil no estadio de San Lázaro, encargando á Policía Local de informar aos interesados desa opción e facilitándolle tamén o transporte ata esas instalacións.

    Pero, tal como explican os Populares, a estas alturas descoñécese cal será a duración desa iniciativa; cantas persoas se levan beneficiado dela; e que decisión ten tomado o Goberno de Sánchez Bugallo en relación co Centro Municipal de Atención Integral ás Persoas sen Fogar que o anterior Goberno incluíu na estratexia EDUSI.

    Quioscos abandonados

    Por outra banda, o Grupo Municipal Popular tamén amosa a súa preocupación sobre que destino lle pensa a dar o Goberno Local aos catro quioscos que permanecen abandonados en zonas céntricas de Santiago. Desde hai máis de tres anos, os Populares levan demandando a regularización, apertura ou a retirada destas instalacións que, durante anos, foron explotadas en réxime de concesión municipal pola entidade COGAMI, concretamente os situados na Alameda, Praza de Vigo, Xoán XXII e rúa Bernardo Barreiro preto do IES de Sar.

    Cabe lembrar que a primeira iniciativa foi unha proposición aprobada por unanimidade en sesión plenaria en maio de 2016, na que se priorizaba a súa apertura mediante un procedemento de concorrencia competitiva, no que primara o carácter social destas instalacións e a conveniencia de manter o servizo de aseos “autolimpiables” e accesibles, tan escasos e necesarios na cidade. Como última alternativa formulábase a posibilidade da retirada para recuperar un espazo público de gran valor.

    Ante a ausencia de accións por parte do Goberno local, o noso Grupo continuou lembrando esta cuestión, con dúas pregunta orais en xaneiro e decembro de 2017 e, posteriormente, con varias denuncias a través dos medios informativos durante o ano 2018.

    Precisamente foi, a finais dese ano 2018, cando a entidade COGAMI manifestaba a súa intención de actuar sobre estes quioscos en resposta a un requirimento municipal, avanzando que asumiría os traballos e o custo da súa retirada, aínda que lamentaban que se poderían ter reutilizado para a venda de distintos produtos, tal e como sinalara o Partido Popular no seu momento.

    A principios deste mesmo ano, días despois de que O Grupo Popular realizara unha pregunta escrita que non foi respondida, o Goberno local anunciaba a asunción da propiedade dos quioscos, o cambio de localización de dous deles (Sar e Xoán XXIII) e a apertura dun concurso público para a adxudicación da súa xestión “antes do verán”, mantendo o carácter social dos equipamentos e a obriga de abrir e conservar os baños públicos integrados na instalación.

    Falta de información sobre rozas

    Por último, o Grupo Municipal Popular tamén amosa a súa inquedanza sobre as tarefas de roza nas pistas forestais, que teñen o obxectivo principal de mellorar a accesibilidade e a prevención de incendios. Por isto, levarán unha pregunta en relación a esta circunstancia no vindeiro Pleno ordinario.

    Os Populares insisten en cal é a fórmula contractual coa que está a actuar o Concello nos viais de carácter agropecuario e forestal, e cales son as vías deste tipo nos que ten actuado o Goberno local ao longo do ano actual.

    Lembramos que o pasado mes de xuño, a Xunta de Goberno local acordou a adxudicación da prestación do "servizo de execución de diversas operacións de roza, limpeza e mantemento de marxes e drenaxes de viarios, carreiros fluviais e parcelas municipais do termo municipal de Santiago de Compostela (2018-2020)", por un importe de 790.000 euros.

    A pesar da aparente extensión do cometido que se sometía a licitación, no obxecto do prego de prescricións técnicas sinálase que “no se consideran como viais adscritos ao presente Prego (…) os proxectados, construídos ou acondicionados fundamentalmente para a súa utilización con fines agropecuarios ou forestais e os sendeiros naturais que non dispoñan de acondicionamento específico para o seu uso”.