>
  • Os Populares considera que o Goberno local debería redactar un proxecto para a mellora da mobilidade e a accesibilidade a través das rúas Diego Bernal e Fontes do Sar e a súa posterior execución
  • O Grupo Municipal Popular considera que é prioritario lograr unha mellora da accesibilidade e da mobilidade neste ámbito, tendo en conta que estamos a falar dunha área que concentra importantes centros tractores de vehículos e tamén de peóns, como a propia Cidade da Cultura, o multiusos e as instalacións deportivas de Fontes do Sar, unha área comercial, sedes de organismos públicos, equipamentos educativos, sanitarios ou xudiciais e unha ampla zona residencial
    • Neste momento, aínda que o acceso ao complexo cultural resulta plenamente eficaz, a virtual conexión cara ao centro da cidade atópase moi limitada, sobre todo polas dificultades que ofrecen as vías secundarias que conectan coa Avenida Manuel Fraga e tamén pola insuficiente e incompleta sinalización

    Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2019. O Grupo Municipal Popular presentará no Pleno Ordinario deste mércores unha proposición para que o Goberno de Sánchez Bugallo empece a traballar na optimización da conexión da Cidade da Cultura coa Autopista do Atlántico, a demais de que proceda a mellorar as vías de acceso desde os barrios de Sar e As Fontiñas.

    Para os Populares é necesario impulsar unha mellora da sinalización do acceso ao enlace da AP-9 desde a Cidade da Cultura, coa finalidade de facilitar a información, tanto das zonas de referencia da cidade para quen acceda á glorieta das rúas Diego Bernal e Fontes do Sar, como para indicar o acceso á AP-9 desde a Avenida Manuel Fraga para quen desexe abandonar ou circunvalar a cidade.

    O Grupo Municipal Popular considera que o Goberno local debería proceder á redacción dun proxecto para a mellora da mobilidade e a accesibilidade a través das rúas Diego Bernal e Fontes do Sar e a súa posterior execución, para contribuír a facer plenamente operativo e funcional o enlace da AP-9 desde Cidade da Cultura como acceso central á cidade e para a mellora de todo o ámbito comprendido entre os barrios de Sar e As Fontiñas.

    Cabe destacar que a apertura da conexión da Cidade da Cultura coa AP-9 no pasado mes de febreiro supuxo a culminación dunha obra ansiada, froito da colaboración institucional entre o Goberno de España, a Xunta de Galicia, a Fundación da Cidade da Cultura e Audasa, á que se destinaron 3,5 millóns de euros.

    O obxectivo fundamental desta actuación era crear un “novo enlace de conexión co complexo da Cidade da Cultura e Santiago de Compostela Centro”, tal e como refería o propio Ministerio de Fomento no día da inauguración, engadindo que “mellorará a accesibilidade cara ao centro de Compostela (Fontiñas, Sar) e se aliviará a conxestión existente en horas punta no nó de Santiago Norte”.

    Aquel obxectivo, tal como lembran os Populares, cumpriuse so en parte, porque aínda que o acceso ao complexo cultural resulta plenamente eficaz, a virtual conexión cara ao centro da cidade –que se destaca nos paneis informativos sobre a autoestrada- atópase moi limitada, sobre todo polas dificultades que ofrecen as vías secundarias que conectan coa Avenida Manuel Fraga e tamén pola insuficiente e incompleta sinalización que as persoas usuarias se atopan para acceder ao centro urbano ou para empregar este acceso á AP-9 como saída alternativa.

    O Grupo Municipal Popular considera que é prioritario lograr unha mellora da accesibilidade e da mobilidade neste ámbito, polo que debe constituír unha prioridade para o Concello, tendo en conta que estamos a falar dunha área que concentra importantes centros tractores de vehículos e tamén de peóns, como a propia Cidade da Cultura, o multiusos e as instalacións deportivas de Fontes do Sar, unha área comercial, sedes de organismos públicos, equipamentos educativos, sanitarios ou xudiciais e unha ampla zona residencial.

    Futuro incremento

    Todo este potencial próximo, xunto co tráfico interior que habitualmente discorre entre Sar e As Fontiñas e o fluxo de visitantes –hoxe non moi numeroso, pero que sen dúbida se incrementará notablemente no futuro inmediato- que accedan ou abandonen a cidade por este acceso, fan necesario potenciar todas as súas posibilidades.

    Para lograr dita optimización os Populares creen preciso planificar unha mellora da sinalización que advirta coa antelación e coa precisión necesarias, tanto dos principais destinos para quen acceda á cidade: como o centro histórico ou o complexo da Xunta de Galicia (os pequenos sinais colocados na actualidade unicamente mencionan os barrios de Sar e das Fontiñas); e tamén engadir á sinalización actual que se fai no trazado urbano (especialmente nos arredores das Fontiñas) para o acceso á Cidade da Cultura a posibilidade de chegar na mesma dirección á autoestrada AP-9.

    Esa mellora da información sen dúbida levaría a unha maior utilización deste acceso, polo que tamén canto antes debería proxectarse unha mellora da capacidade e das condicións de seguridade viaria das vías que enlazan coa Avenida Manuel Fraga, de forma especial as rúas Diego Bernal e Fontes do Sar, desde hai tempo necesitadas dunha mellora que as adapte ao crecemento e intensidade no seu uso e que garanta a súa capacidade para satisfacer as demandas de mobilidade que se xerarán para o ano 2021 e posteriores.