>
  • A creación de grandes centros comerciais e a ausencia dunha política pública local que apoie e fomente este sector e a crecente implantación do comercio electrónico, fai que os comerciantes padezan unha continuada crise, ameazando súa pervivencia e a vitalidade do tecido comercial tradicional nas distintas zonas da cidade
  • Os Populares, durante a tramitación das Ordenanzas Fiscais 2020, xa presentaron unha oferta de Pacto Fiscal, co obxectivo de tratar de contribuír a minorar o impacto desta situación
    • Entre as fórmulas que se propoñían existía un paquete de medidas fiscais que beneficiaban aocomercio. Por motivos de redacción que, non se puideron aprobar, pero contaron cunha explícita predisposición para seren tomadas en conta por parte do conxunto dos grupos municipais
    • A proposta do Grupo Municipal Popular englobaba catro medidas específicas: unha bonificación gradual no IBI segundo zonificación; o establecemento de cotas diferenciadas graduais na taxa de apertura; a rebaixa gradual no impostos de construcións para acondicionamentos, reformas, etc.; e a rebaixa gradual no Imposto de Plusvalías

    Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2019. O Grupo Municipal Popular presentará no Pleno de mañá mércores unha proposición para que o Goberno local cree unha Comisión Municipal que se poña a traballar para por en marcha unha serie de incentivos fiscais que beneficien o comercio minorista da cidade. Este organismo estaría formado por un concelleiro de cada Grupo Municipal, que poderán estar acompañados polos correspondentes voceiros, para que, nun prazo máximo de seis meses, e previos os estudos e reunións necesarias cos diferentes sectores e técnicos municipais, se determinen as principais directrices dos incentivos fiscais para que os técnicos municipais elaboren a proposta a aprobar polo Pleno.

    Cabe subliñar que este sector é un dos mais importantes do Concello, posto que aglutina a creación e o mantemento de centos de postos de traballo, ás veces familias enteiras, conformando tamén un campo estratéxico e dinamizador da economía local, pero a creación de grandes centros comerciais e a ausencia dunha política pública local que defenda este sector, ademais da crecente implantación do comercio electrónico, fai que os comerciantes padezan unha continuada crise que os ameaza e anula a vitalidade do tecido comercial tradicional nas distintas zonas da cidade.

    O Grupo Municipal Popular, con ocasión da tramitación das Ordenanzas Fiscais 2020, presentou a finais do pasado mes de outubro unha oferta de Pacto Fiscal ao Goberno Municipal e aos demais grupos, que tiña tamén como obxectivo tratar de contribuír a minorar o impacto de dita situación.

    Entre as fórmulas que se propoñían existía un paquete de medidas fiscais que beneficiaban ao comercio. Por motivos de redacción que non se puideron aprobar, pero contaron cunha explícita predisposición para seren tomadas en conta por parte do conxunto dos grupos municipais.

    Para o Grupo Municipal Popular é imprescindible que esta acción se poñan en marcha , sobre todo, tendo en conta a boa situación financeira que desfruta o Concello, posta de manifesto a través dos diferentes instrumentos de control financeiro como a Liquidación e a Conta xeral, que evidencian unhas positivas magnitudes e indicadores económicos, cun superávit de 17,1 millóns de euros, así como baixas porcentaxes de débeda, xunto cun aumento xeneralizado na recadación, tanto en impostos directos coma indirectos, que permiten afrontar sen lugar a dúbidas un paquete medidas fiscais en favor do comercio minorista.

    A proposta do Grupo Municipal Popular englobaba catro medidas específicas, segundo a zonificación que se puidera establecer pola Corporación Municipal: unha bonificación gradual no IBI; o establecemento de cotas diferenciadas graduais na taxa de apertura; a rebaixa gradual no impostos de construcións para acondicionamentos, reformas, etc.; e a rebaixa gradual no Imposto de Plusvalías.