>
  • Os Populares propoñen incrementar a instalación de desfibriladores nas instalacións municipais, incorporando estes aparatos nos autobuses urbanos e nos vehículos de policía e bombeiros que carezan deles
    • A concelleira, Beatriz Cigarrán, considera que “sería bo que avanzaramos cara a un Santiago Cardioprotexido de forma global”

    • A concelleira Popular advirte da necesidade de rexistrar este equipamento sanitario nos servizos do 061, “porque o que non está rexistrado é coma se non existise”

    Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2019. O Grupo Municipal Popular presentará no Pleno Ordinario deste mes de decembro unha iniciativa para ampliar o acordo que se adoptou a iniciativa súa no pasado Pleno municipal no camiño de converter o Concello de Santiago nun territorio cardioprotexido, coa ampliación da dotación de desfibriladores externos semiautomáticos (DESA) en todas as instalacións municipais, especialmente aquelas que rexistran unha maior afluencia de persoas.

    En Galicia existe unha normativa autonómica que regula o rexistro de DESA e pon de relevo a necesidade de avanzar na dotación destes instrumentos vitais. Segundo os datos oficiais que proporciona a aplicación da Fundación 061, nas instalacións depedentes do Concello santiagués apenas se acada a cifra de dez desfibriladores rexistrados, o que supón unha cantidade claramente insuficiente, sobre todo, tendo en conta que o Concello dispón de 24 instalacións deportivas, preto de 30 dependencias educativas e 44 centros socioculturais (algúns con múltiples actividades e con auditorio, caso dos de Santa Marta e O Romaño). Mesmo un lugar tan frecuentado como o Teatro Principal non consta que teña instalado ningún DESA.

    A maiores existen instalacións que sen ser de competencia exclusiva municipal deberían dispoñer deste servizo –sen que figuren tampouco nos rexistro oficiais-, como é o caso do Pazo de Congresos e Exposicións, a estación de autobuses, o complexo Fontes do Sar ou a Praza de Abastos.

    No pasado Pleno, por iniciativa do Partido Popular, acordouse por unanimidade o incremento progresivo de DESA nas instalacións municipais, marcando unha orde de prioridades en función da afluencia de persoas e das actividades que se desenvolvan en cada recinto; que o Concello se dirixira a aquelas entidades coas que manteña algún tipo de vinculación e que xestionen recintos públicos con significativa afluencia de persoas, a fin de lembrarlles a conveniencia de prever a súa instalación destes dispositivos no caso de non contar con eles; tamén se acordou promover cursos de adaptación entre o persoal municipal para o manexo e mantemento dos DESA; e comunicar os datos para a  inscrición, localización e uso dos aparatos instalados en todas as dependencias municipais, “porque -tal e como afima a concelleira Beatriz Cigarrán-   o que non está rexistrado é coma se non existise”.

    Agora, o Partido Popular, nunha iniciativa promovida por Cigarrán, engade á súa proposta anterior a conveniencia de ampliar os desfibriladores aos novos autobuses urbanos (contemplando a súa dotación como unha mellora no novo prego de licitación do servizo) e tamén nos servizos de Policía Local e Bombeiros naquelas unidades que non dispoñan del, para que poidan actuar de forma especial no ámbito rural.

    Todo iso coa finalidade de que como sinala a concelleira Beatriz Cigarrán, se poida “avanzar cara a un Santiago Cardioprotexido de forma global, onde o equipamento e a formación funcionen como unha verdedeira engranaxe para actuar de forma precoz e exitosa ne recuperación das paradas cardíacas”.

    A enfermidade cardiovascular constitúe un dos problemas de saúde máis importantes, sendo a reanimación cardiovascular o paradigma no que a actuación precoz con medios idóneos condiciona o prognóstico en canto á recuperación da vida e a minimización de  posibles secuelas.

    A formación e a premura na actuación son básicas para o tratamento e a desfibrilación precoz é a “chave da supervivencia”. Dentro da estratexia en cardiopatía isquémica o obxectivo principal é “proporcionar asistencia in situ con capacidade de desfibrilar no menor tempo posible e proporcionar transporte rápido ao hospital co persoal capacitado e equipamento adecuado”. Por iso, resulta de gran importancia tanto o número de desfibriladores como tempo transcorrido ata a desfibrilación.