>
  • Para os Populares, a fecunda e existosa traxectoria deportiva de Veloso no seu tempo contrasta coa discreción e o esquecemento posterior, ata o punto de que a nova do seu falecemento pasou case desapercibida para a maior parte dos seus noutrora conveciños
  • Desde os seus inicios no Santiago C.F., a súa figura foise ampliando a medida que cambiaba de club e ascendía de categoría: Celta de Vigo B, Deportivo da Coruña e Real Madrid, onde gañou tres ligas consecutivas e unha Copa de Europa
  • Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2019. O Grupo Municipal Popular presentou no Pleno Ordinario deste mes de decembro un rogo para que o Goberno de Sánchez Bugallo organice algunha acción que contribúa a divulgar e lembrar a figura e a traxectoria deportiva de José Luís Fidalgo “Veloso”, futbolista compostelán falecido o pasado 13 de novembro.

    Para os Populares, a fecunda e existosa traxectoria deportiva de Veloso no seu tempo contrasta coa discreción e o esquecemento posterior, ata o punto de que a nova do seu falecemento pasou, con contadas excepcións, sen pena nin gloria para a maior parte dos seus noutrora conveciños, por iso, o Grupo Municipal Popular considera que ten merecido unha homenaxe.

    Antecedentes

    O pasado 13 de novembro, os xornais daban conta a morte deste emblemático deportista santiagués, un dos grandes futbolistas nacidos en Santiago que, coa súa traxectoria deportiva, contribuíu a agrandar o orgullo dos composteláns e o coñecemento da nosa cidade en España e no mundo.

    Desde os seus inicios no Santiago C.F. a mediados do século pasado, a súa figura foise ampliando a medida que cambiaba de club e ascendía de categoría: Celta de Vigo B (1957), Deportivo da Coruña (1957-1965) e Real Madrid (1965-1969), onde acadou o cumio da súa carreira, formando parte dun equipo histórico co que gañou tres ligas consecutivas e unha Copa de Europa.

    Nos seus últimos anos como deportista, xogou no C.D. Ourense (1969-1970), no Rayo Vallecano (1970-1972) e pechou o círculo da súa exitosa vida deportiva regresando á súa cidade, para fichar pola S.D. Compostela na tempada 1972-1973.

    Veloso chegou a ser internacional en varias ocasións coa selección española de fútbol, curiosamente non cando militaba no Real Madrid, senón durante a súa estadía no Deportivo da Coruña onde participou en dous ascensos á primeira división, circunstancia que sen dúbida lle axudou na súa proxección e a avivar o interese do club madridista por facerse cos seus servizos.