>
  • Esta decisión suporía a integración na cidade histórica dun parque singular como é o de Belvís que, nestes momentos, carece dun acceso visible e adecuado
  • Sánchez-Brunete pediu ao actual alcalde “que non decepcione a unha maioría de cidadáns que confiaron nel para que liberase á cidade das posicións excéntricas de Compostela Aberta e que non faga dese adefesio a casa común da esquerda”
  • Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2020. O voceiro do Grupo Municipal Popular, Alejandro Sánchez-Brunete, ofreceu hoxe unha rolda de prensa para instar ao alcalde Sánchez Bugallo a que sexa coherente e facilite a integración na cidade histórica do singular parque de Belvís mediante a demolición da Casa da Xuventude, deixando sen efecto a previsión orzamentaria de destinar 200.000 euros a consolidación dunha das expresións arquitectónicas e urbanísticas máis indesexadas da Cidade.

    Brunete, que pediu un debate específico á marxe do global debate orzamentario, lembrou que no ano 2011, o Pleno de Santiago xa subscribira, por unanimidade, a proposta do derrubo deste inmoble e, entre os 25 concelleiros que apoiaron a dita iniciativa atopábase o hoxe alcalde e a hoxe concelleira de Urbanismo. Brunete deu lectura á sucesión de declaracións literais expresadas por membros de BNG e PSOE –entre eles, Sánchez Bugallo e Mercedes Rosón- a favor da demolición. “ A melloría é a todas luces simplemente espectacular”, afirmou o anterior voceiro do BNG, en novembro de 2011, ao valorar a recreación virtual de como quedaría a Praza do Matadoiro e o acceso ao Parque; “o edificio que alberga a Casa da Xuventude non é adecuado”, recoñeceu entón Mercedes Rosón, que tamén se mostrou en pleno “de acordo coa eliminación deste edificio”. “Poderemos sobrevivir a súa pérdida”, xa anticipara de xeito irónico anteriormente o propio Bugallo.

    Á vista daquelas declaracións, o voceiro popular insta ao alcalde a “que sexa coherente”, “que non decepcione a unha a unha maioría de cidadáns que confiaron nel para que liberase á cidade das posicións excéntricas de Compostela Aberta” e “que non faga dese adefesio a casa común da esquerda”.

    Sánchez-Brunete advertiu que a política urbanística e cultural segue en mans de CA e que o que fai o alcalde é disimular a súa incapacidade para controlar tal departamento facendo agora seus uns argumentos - en favor do mantemento de semellante inmoble- nos que nunca creu”. “Bugallo ten que facernos ver que non estamos ante un Goberno Matriuska no que ao final aparece Martiño” e agardou que á hora de votar a iniciativa do Partido Popular exista unha clara correspondencia entre o sentir dunha maioría social de cidadáns e o Pleno da Corporación.

    Iniciativa de exemplaridade urbana

    A proposta Popular, que contempla o tratamento das traseiras dos edificios da rúa de San Pedro e a reforma integral da propia Praza do Matadoiro, supón unha iniciativa para “extirpar un quiste urbanístico”; trátase dunha iniciativa de “conexión e integración na cidade dun parque singular que carece dun acceso visible e adecuado, sendo un proxecto tan dotacional como un inmoble, que melloraría a experiencia urbana”, sen esquecer que se trata dunha iniciativa a favor da igualdade e a exemplaridade urbanísticas: “A Administración non lle pode esixir uns requisitos e un decoro urbanístico aos particulares que ela mesma incumpre”.