>
  • Os Populares subliñan ademais que o Goberno municipal do Partido Socialista está a incumprir os prazos que marca a Lei de Contratos do sector público, artigo 150, para a sinatura do contrato, unha vez aprobada a súa adxudicación pola Xunta de Goberno
    • Tamén se preguntará sobre que previsión ten o Goberno local para minimizar as posibles consecuencias e cales son as liñas mestras nas que está a traballar para determinar a nova prestación

    • No último mandato, a contratación deste servizo estivo sempre rodeada de polémica pola lentitude na tramitación, ocasionando a prestación do servizo en precario, pola deficiencia no servizo e as queixas continuas dos usuarios
    • A demora que está soportando este servizo está a supoñer que, a piques de finalizar o mes de xaneiro, o servizo segue prestándose pola anterior adxudicataria, por orde municipal, o que condiciona de xeito notable as potestades do Concello sobre a empresa, á hora de garantir e esixir o cumprimento das condicións estipuladas no contrato

    Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2020. O Grupo Municipal Popular interpelará ao Goberno de Sánchez Bugallo, no Pleno desta semana, sobre que motivos existen para completar o proceso de adxudicación do servizo de catering e de persoal monitor/coidador de comedor escolar para centros de educación infantil e primaria do Concello de Santiago. Os Populares subliñan ademais que o Goberno municipal do Partido Socialista está a incumprir os prazos que marca a Lei de Contratos do sector público, artigo 150, para a sinatura do contrato, unha vez aprobada a súa adxudicación pola Xunta de Goberno Local (XGL).

    Tamén se preguntará ao Goberno sobre que previsión ten para minimizar as posibles consecuencias de que este servizo cabalgue sobre dous cursos escolares e cales son as liñas mestras nas que está a traballar para determinar a nova prestación.

    A prestación do servizo de comedores escolares en 9 centros de educación infantil e primaria por parte do Concello de Santiago de Compostela estase convertendo nun expediente controvertido e problemático para a administración municipal.

    No último mandato a contratación deste servizo estivo sempre rodeada de polémica pola lentitude na tramitación, ocasionando a prestación do servizo en precario, pola deficiencia no servizo e as queixas continuas dos usuarios.

    Cabe lembrar que a última licitación, a correspondente ao curso escolar 2019/2020, seguiu a senda do acontecido nos últimos 4 anos. O procedemento administrativo, iniciado o pasado mes de agosto, está sen rematar malia que a XGL do 23 de decembro aceptara a proposta da concelleira delegada de adxudicar a prestación do servizo de catering e de persoal monitor/coidador de comedor escolar á única empresa que acudiu á licitación, a empresa Alimentación Saludable Gallega, SLU, unha empresa do grupo Arume Servicios ao que pertence tamén Serunión, a actual prestadora do servizo.

    Esta demora supón que, a piques de finalizar o mes de xaneiro, o servizo segue prestándose pola anterior adxudicataria, por orde municipal, o que condiciona de xeito notable as potestades do Concello sobre a empresa, á hora de garantir e esixir o cumprimento das condicións estipuladas no contrato.