>
  • Así mesmo, en dita moción, os Populares tamén solicitan aos grupos parlamentarios do Congreso dos Deputados e do Senado o seu apoio, dándolles, ao tempo, traslado deste acordo e, tamén, dar traslado deste acordo ao Goberno da Nación e ao Parlamento de Galicia, así como á Xunta de Galicia
  • A pesar de que o Goberno socialista asumiu durante o ano 2018 o orzamento elaborado polo Goberno do Partido Popular, a citada disposición non só non se fixo efectiva ao longo daquel exercicio, senón que nas previsións para o novo ano 2019 foi eliminada de forma inesperada e, sobre todo, inmotivada
  • Este escenario de absoluta desatención por parte do Goberno do Estado dun evento de carácter internacional e importancia capital para Santiago, Galicia e para España, pode ser emendado polo Goberno do Estado recentemente constituído que haberá de elaborar uns novos Orzamentos para o actual ano 2020
  • Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2020. O Grupo Municipal Popular presentará no vindeiro Pleno Ordinario unha moción para que se inste ao Goberno da Nación para que procedan á incluír no Proxecto de Orzamentos do Estado para o ano 2020 unha achega económica explícita e finalista extraordinaria para o Consorcio da Cidade de Santiago, co fin de apoiar ás actividades deste organismo vinculadas ao Ano Santo Xacobeo 2021 e á Catedral.

    En dita moción tamén se solicita aos grupos parlamentarios do Congreso dos Deputados e do Senado o seu apoio, dándolles, ao tempo, traslado deste acordo e, por último, dar traslado deste acordo ao Goberno da Nación e ao Parlamento de Galicia, así como á Xunta de Galicia.

    A Lei de Orzamentos do Estado de 2018, aprobada nas Cortes Xerais por proposta do Partido Popular, recollía o apoio da Administración do Estado ás actividades do Consorcio de Santiago vinculadas ao Ano Santo Xacobeo 2021 e á Catedral de Santiago.

    Esa vontade –que viña a potenciar a achega económica de 4,55 millóns de euros comprometida para o Consorcio en 2018, así como o recoñecemento do Xacobeo 2021 como acontecemento de especial interese público, o que implicaba á súa vez o recoñecemento de beneficios fiscais para este evento- aparecía recollida na Disposición Adicional centésima triséxima quinta onde se expresaba que “o Goberno apoia o labor desenvolvido polo Consorcio de Santiago, como órgano instrumental do Real Padroado da Cidade de Santiago, no cumprimento dos seus fins dirixidos á preservación e revitalización do Patrimonio cultural representado pola Cidade de Santiago e a súa Catedral, nos seus aspectos histórico-artísticos e arquitectónicos, á difusión dos valores europeístas e ao desenvolvemento e potenciación das actividades turísticas e culturais vinculadas ao itinerario xacobeo. A tal fin dispoñeranse as actuacións necesarias para o desenvolvemento das actividades extraordinarias que realice o Consorcio de Santiago vinculadas ao Ano Santo Xacobeo 2021.”

    A pesar de que o Goberno socialista asumiu durante o ano 2018 o orzamento elaborado polo Goberno do Partido Popular, a citada disposición non só non se fixo efectiva ao longo daquel exercicio, senón que nas previsións para o novo ano 2019 foi eliminada de forma inesperada e, sobre todo, inmotivada.

    Ao non prosperar o proxecto de orzamentos para 2019 do Goberno do Estado do Partido Socialista, tivéronse que prorrogar forzosamente os orzamentos elaborados, e aprobados, baixo o mandato do Partido Popular, o que implicaba a vixencia da devandita disposición. Porén, o goberno do Sr. Sánchez, tampouco durante todo o 2019 fixo efectiva en ningún momento esta disposición adicional que permitiría incrementar o orzamento e/ou as actividades do Consorcio da Cidade de Santiago nos obxectivos e programas do Xacobeo 2021 ou en actuacións na Catedral de Santiago.

    Este escenario de absoluta desatención por parte do Goberno do Estado dun evento de carácter internacional e importancia capital non só para Santiago e Galicia, senón tamén para España, pode ser emendado polo Goberno do Estado recentemente constituído que haberá de elaborar uns novos Orzamentos para o actual ano 2020.

    Para evitar que aconteza o “esquecemento” do ano pasado, e dada a importancia de manter o pronunciamento expreso de apoio do Goberno central ás actividades vinculadas ao Ano Santo Xacobeo de 2021 e á Catedral de Santiago, o Grupo Municipal Popular propón esta iniciativa ao Pleno da Corporación.