O Partido Popular denuncia as ansias recadadoras do Goberno da Sra. Sanmartín, tal e como demostra a iniciativa colocada agora enriba da mesa de impoñer máis impostos aos propietarios de pisos, concretamente, aos que teñan vivendas baleiras, segundo explica o BNG, co fin de “incentivar” aos propietarios para que as poñan a disposición do mercado”.
Para o concelleiro popular, José Ramón de la Fuente, a alcaldesa é sobradamente coñecedora de que os inmobles baleiros “só supoñen un dos factores na carencia e subida de prezo das vivendas en Santiago pero, cando non hai ideas, non queda outra que repetir como un mantra que é este o verdadeiro problema e así aproveitar para impoñerlle á veciñanza outra labazada impositiva”.
“Goretti Sanmartín só sabe agacharse en desculpas; todos os problemas son dos demais, a vivenda, o turismo, a herdanza recibida, polo que os populares pedímoslle que se poña a traballar e deixe xa de queixarse”, concretou.
O popular explícalle ao Goberno do 6+2 que, se de verdade quere tomarse en serio o problema da vivenda na capital de Galicia, só ten que botar unha ollada ás propostas presentadas polo voceiro do Partido Popular, Borja Verea, durante a campaña electoral, onde pode atopar o camiño para acadar unha solución.
Para elo, os populares propóñenlle ao Executivo da Sra. Sanmartín que bote a andar un programa solvente de aluguer cun bono social, co obxectivo de mobilizar inmobles baleiros, animando así aos propietarios a poñelos no mercado ao ter garantidos os seus ingresos. Estas vivendas poderían estar a disposición de xóvenes, familias, persoas sen recursos ou xente maior, entre outras, sempre a un prezo asumible.
Así mesmo, os populares tamén lle lembran que hai levar a cabo a modificación da regulación urbanística, co fin de permitir vivendas en baixos comerciais, empezando primeiro polos barrios de Conxo e Santa Marta.
“Todo parece indicar que, para o BNG e os seus socios, os problemas só teñen unha solución: a recadadora, ben vía imposto, vía taxa ou vía prezo público”, subliñou José Ramón de la Fuente, tal como ocorre coa paralización e nova licitación da construción da nova EDAR, que suporá un incremento significativo no recibo da auga, que deberán pagar os veciños; ou co inusitado interese por implantar a taxa turística en Santiago.
De la Fuente reitera que o Goberno local xa sabe que o principal motivo polo que os propietarios non poñen as súas vivendas en aluguer é pola inseguridade xurídica á que teñen que facer fronte, polo medo a unhaocupación ou ao impago do aluguer, pero “o Goberno do BNG non ten dedicado nin unha liña, que coñezamos, a propor solucións a estes problemas”.
Finalmente, o concelleiro popular pídelle ao Goberno de esquerdas que empregue o seu tempo en atopar solucións e vez de intentar por en marcha fórmulas que prexudiquen, aínda máis, o peto dos veciños
Así, como indica De la Fuente, “o globo sonda lanzado pola Sra. Sanmartín non ten máis recorrido que xustificar a que será a súa inacción neste ámbito durante o seu mandato”.