O concelleiro do PP de Santiago, Adrián Villa, solicitou menos “ñapas” e improvisacións nas obras e melloras realizadas nestes dous primeiros meses de goberno nacionalista. Así referiuse ao recente gasto de 400.000 euros realizado en melloras de asfaltado e pintado dalgunhas rúas da cidade. Admitindo que os meses de verán son os máis idóneos para realizar este tipo de traballos polas condicións meteorolóxicas e redución do tráfico, criticou que non se levase a cabo un estudo previo para establecer así as rúas de actuación prioritaria.

“Nestes dous primeiros meses de goberno estamos prevendo o que van a ser estes catro anos de goberno nacionalista: ñapas e improvisacións”, afirmou Villa, poñendo de manifesto que se realizaron actuacións “sen sentido”, en rúas que non tiñan unha necesidade primordial mentres que, en outras, a situación do firme é lamentable. O concelleiro lembrou ao goberno nacionalista que “as présas non son boas” e afirmou que este verán a cidade perdeu unha nova oportunidade ao ser o momento para realizar este tipo de traballos.

Por outra banda, o popular tamén manifestou as queixas recibidas da veciñanza, posto que “houbo días de chuvia e sufriuse algún incidente leve a causa da pintura dos pasos de peóns”. Referíase así a algún que outro esvaramento dos peóns, motocicletas, bicicletas e incluso dos propios coches e autobuses. O edil indicou que se leva anos solicitando pinturas antiesvaramentos tras numerosos accidentes. De feito, lembrou que o pasado mes de xuño foi a propia asociación Motoclub Compostela a que manifestou a necesidade deste tipo de pintura para evitar accidentes nunha cidade na que as choivas están á orde do día.

Obras en Castrón Douro

Os populares tamén aproveitaron para falar da urbanización do segundo tramo de Castrón Douro. Segundo Villa “estamos a vivir un déjà vu entre este goberno nacionalista e o de Compostela Aberta”. O concelleiro afirmou que, “cun proxecto elaborado sobre a mesa durante o goberno do Partido Popular, Compostela Aberta paralizou a obra de Castrón Douro para refacer o proxecto e, 7 anos despois repítese a historia cos nacionalistas”.

O edil lembrou que o primeiro tramo de Castrón Douro foi inaugurado hai 4 anos e que, desde aquela, os socialistas non foron quen de pór en marcha a obra do segundo tramo, aínda que si deixaron un proxecto sobre a mesa. Proxecto que, agora, o goberno nacionalista quere refacer, o que demorará esta importante actuación outro ano ou anos máis. Villa indicou que, “a mostra de que esta importante obra vai para longo é que o BNG opte por unha ñapa provisional”.

Por último, Villa quixo lembrar que a noticia deste “rebacheo provisional” tivo lugar o 15 de xullo e que, a día de hoxe, non se levou a cabo. Por esta razón, preguntou ao goberno a que está esperando. “Supoñemos que están agardando a que chegue o mes de setembro. Sen dúbida, co comezo dos colexios e das primeiras chuvias, é o momento idóneo” ironizou.