Os concelleiros populares, Olaya Otero e José Ramón de la Fuente, visitaron as rúas de Combarro e da Vía, no barrio do Castiñeiriño, onde puideron comprobar o estado de total abandono no que se atopan os terreos onde se levaron a cabo as obras do AVE, sen que o Goberno do BNG teña feito nada por solucionar esta problemática.

Os populares puideron comprobar que o asolagamento da zona provoca o deterioro prematuro e acelerado do firme; multiplica o número de fochancas; e desfai os pasos de peóns, o que supón un perigo para as persoas; ao que hai que engadir o abandono e a falta de limpeza por parte do Goberno nacionalista, o que converte os camiños en verdadeiras lameiras, o que tamén dificulta o acceso ás vivendas.

Os veciños reclamaron ao Goberno do BNG que canalizara, adecuadamente, o fluxo de auga constante, co fin de evitar o asolagamento das súas propiedades pero, ata agora, só obtiveron como resposta “silencio e desinterese”.

Os concelleiros populares lémbranlle ao Goberno nacionalista que os barrios composteláns tamén son cidade, o mesmo que as parroquias do rural, pero están completamente esquecidos, polo que lles reclaman que esixa a ADIF a reposición inmediata desta zona ao estado anterior das obras.

Os populares lémbranlle ao Goberno nacionalista que, “se son fans do Goberno amigo de Sánchez, tamén teñen que selo para esixirlle a ADIF que resolva a desfeita que provocou nesta zona de Santiago”.

Antecedentes

Con motivo destas tarefas, creouse un espazo para que a empresa contratista empregara como depósito e instalación de materiais e maquinaria, polo que esta zona converteuse nunha explanada, xa permanente, de servizos de ADIF e que está a provocar inundacións nas propiedades dos veciños.

A elevación da cota do terreo para poder habilitar esa área e a falta dunha eficiente canalización da auga está provocando que os regatos que pasan polo lugar e que proceden, moitos deles, da canalización de augas derivadas da avenida Santiago de Cuba, non discorran por onde o facían ata agora e acaben encharcando as fincas, polo que se crea unha lagoa, converténdoas en solos inertes para o cultivo e improdutivas, como denuncian os veciños; “agora mesmo non serven máis que como estanque para peixes”.