A nosa concelleira, Yolanda Otero, demándalle ao Goberno do BNG que elabore unha estratexia municipal para combater a soidade non desexada das persoas maiores. Esta ferramenta debe ser un instrumento que, a través de varios eixes, atenda a sensibilización da poboación, a prevención, a detección e a intervención, co fin de reducir os problemas e riscos derivados da mesma.

Otero remarca que “combater a soidade non desexada das persoas maiores é unha obriga do Goberno municipal, que debe previr, detectar, visibilizar e buscar vías para atender á veciñanza que se atope nesta situación, polo que incidimos en que o Goberno do BNG ten que desenvolver novos servizos de atención ou reforzar algún dos existentes”.

A popular explicou que a estratexia debe supoñer recursos activos e eficaces que detecten persoas maiores en situación de soidade non desexada o antes posible, para acompañalas e que xestionen a súa propia soidade, destacando a necesidade dun censo, así como a ampliación do servizo de teleasistencia domiciliaria.

“É necesario ofrecer á veciñanza programas municipais de atención de proximidade para apoiar e favorecer a permanencia no seu entorno habitual o maior tempo posible, potenciar a súa autonomía no propio fogar, previr situacións de dependencia, risco ou exclusión social e evitar ou retardar que teñan que ingresar nun centro residencial”, dixo.

Para a popular, acadar estas metas é importante, por iso xa demandou ao Goberno nacionalista novos programas de atención a persoas maiores no domicilio, como a adhesión a Xantar na casa ou un servizo de lavandería a domicilio.

Yolanda Otero insiste na necesidade de reforzar o Servizo de Axuda no Fogar para chegar ao maior número de persoas posibles, a implementación doutros recursos novos que incidan no benestar e calidade de vida das persoas maiores, tratándose, polo tanto, de medidas idóneas dunha Estratexia municipal de soidade non desexada.

“Polo que, entre outros programas, resaltamos a posta en marcha dun programa de voluntariado sénior ou a aposta por proxectos de convivencia interxeneracional ou xeracional a través da figura das vivendas comunitarias ou cohousing, incidindo no dereito das persoas a elixir onde e como envellecer”, subliñou a popular.

Cabe sinalar que, segundo datos publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE) no Concello de Santiago viven preto de 23.000 persoas con idade de 64 o máis anos, o que supón máis do 23 % da totalidade da poboación.