O concelleiro do Partido Popular de Santiago, Borja Rubio, denuncia a precaria situación do contrato de limpeza e conserxería nos Centros de Educación Infantil e Primaria (CEIP) da capital de Galicia.

Ante unha situación que, a todas luces é intolerable, o popular esíxelle tamén ao BNG que leve a cabo accións inmediatas co fin de mellorar as pésimas condicións destas instalacións.

Rubio Somoza explicou que, durante dous mandatos, o contrato de limpeza e conserxería nos CEIP composteláns “permaneceu nun estado lamentable, é dicir, caducado e sen licitar”.

“Resulta inaceptable que un documento desta importancia fose descoidado durante tanto tempo, oito anos, deixando as necesidades da comunidade educativa totalmente abandonadas”, reiterou.

Borja Rubio insistiu en que “é hora de que o goberno nacionalista actúe de maneira urxente para garantir a calidade dos servizos, incluída a recuperación do persoal de limpeza en horario de mañá, como se fixo durante a crise sanitaria da COVID ou a mellora nas condicións laborais dos traballadores”.

O popular lémbralle aos nacionalistas que “non pode seguir dándolle as costas a unha medida presentada polo Partido Popular e que foi aprobada, por unanimidade, no Pleno Municipal”.