O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, salientou hoxe a súa aposta por unha Estratexia de Saúde Mental para Compostela, tendo en conta a relevancia e preocupación social que está a adquirir este asunto nos últimos tempos. “Ante unha situación que xa é alarmante, demandamos unha implicación e compromiso activo do Concello de Santiago coa saúde das veciñas e veciños composteláns e que se comece a fomentar accións integrais para a saúde”, sinalou.
Esta Estratexia debe ser un instrumento para afrontar esta problemática social a través de varios eixes: a sensibilización, a concienciación, a prevención, a protección e o coidado dos problemas asociados á saúde mental, con especial atención aos colectivos máis vulnerables, como persoas sen fogar, mulleres vítimas de violencia e a infancia e mocidade, incidindo en que o suicidio é a principal causa de morte entre a xuventude.
Verea subliñou que, ante a inactividade do BNG, no próximo Pleno municipal, o Partido Popular instará ao desenvolvemento desta iniciativa, xa que, tras nove meses desde as eleccións municipais, non hai avances na súa elaboración, aínda que a súa posta en marcha xa fora aprobada nun acordo plenario do 30 de novembro de 2022.
Como liñas estratéxicas destacan, entre outros, a sensibilización da poboación ante un problema que alcanza a un de cada catro persoas; a promoción do benestar emocional da veciñanza; a prevención da aparición de problemas de saúde mental; a integración social e a eliminación de calquera forma de discriminación; o acceso aos recursos para garantir unha atención integral; a empregabilidade e capacitación profesional das persoas con trastorno mental.
Para Verea son “imprescindibles campañas de sensibilización e de prevención, divulgativas e didácticas; actividades de educación emocional e de formación, información e apoio”.
Así mesmo, a promoción de programas de respiro como apoio aos coidadores informais das persoas con trastorno mental e a promoción e reforzamento das vivendas de apoio; a posta en marcha dun programa de voluntariado de apoio ás persoas con trastorno mental; e o desenvolvemento de programas de inserción laboral.
En todo caso, este plan implica un traballo importante de visión global, polo que para o seu deseño e desenvolvemento será imprescindible a colaboración cos profesionais e coas entidades especializadas no ámbito da saúde mental, así como a coordinación coas distintas administracións competentes neste eido.