O concelleiro do Partido Popular de Santiago, José Ramón de la Fuente, afirmou hoxe, no transcurso dunha rolda de prensa, que o BNG non está a garantir o acceso á súa información administrativa e contractual de xeito regular e transparente, como é a súa obriga. Esta situación está a provocar “un auténtico apagón informativo”.

O popular explicou que a información que os nacionalistas deberían estar ofrecendo “a tempo real” á cidadanía afecta a numerosos eidos como: o pago medio a provedores; o estado de execución orzamentaria; e a información relativa ao volume orzamentario de contratos adxudicados (a última publicada é de 2016).

“Tampouco hai datos actualizados en relación aos contratos das obras, á estrutura orgánica do Concello, a relación de postos de traballo, as retribucións de altos cargos, ou a composición da Mesa de Contratación, neste aspecto, o portal de transparencia incumpre premeditadamente a Lei”, subliñou.

Así mesmo, bótase en falta o Plan de contratación para 2024, ferramenta imprescindible para unha adecuada planificación da contratación administrativa que permite, entre outras cousas, reducir prazos nas licitacións, ámbito de xestión onde o BNG non é exemplo de dilixencia e a eficiencia.

“Esta ferramenta permite, por unha banda, que os operadores económicos coñezan con tempo cales van ser os procedementos de contratación aos que poderán optar; e, por outra, permítelle ao Concello reducir prazos na licitación mediante a publicación de anuncios de licitación previa, isto afecta a situacións como a dificultade para licitar o servicio de autobuses, ou para adxudicar e poñer en marcha as obras do pavillón de Vite e as piscinas de Santa Isabel”, explicou.

O popular remarcou que “a información no Portal da Transparencia debe actualizarse periodicamente, posto que é unha esixencia de bo goberno para as administracións públicas e un dereito dos cidadáns ao control do exercicio do poder político que agora mesmo os nacionalistas están cernando, ao non permitir un acceso fácil e permanente, e tampouco é accesible para persoas con discapacidade visual”.

Para De la Fuente, “á vista do estado do portal de transparencia, podemos dicir que o BNG nin é transparente, nin é bo goberno, e conforme ao que os cidadáns de Santiago poden consultar na web do Concello, o termómetro democrático dos nacionalistas está baixo mínimos”.

Na súa intervención, insistiu en que están dificultando premeditadamente, o acceso á información aos cidadáns e á oposición, e se pregunta porqué, “desde logo, á vista do publicado, a transparencia non é un sinal de identidade do BNG”.

Exemplo desta situación, explica, “é que o propio concelleiro de Facenda e Modernización, Manuel César, recoñeceu a falta de actualización da información e os problemas de acceso ao Portal, pero non foi quen de dar unha razón convincente do motivo polo que estaba pasando isto”

“A escusa de que o BNG non tivo tempo, nove meses levan xa no Goberno, para actualizar a información cae polo seu propio peso, pois moita da información só precisa para ser actualizada subir un arquivo á web, traballo que só leva uns minutos, tempo que si atopou para intervir en certos apartados, por exemplo; na axenda institucional, levando a cabo unha política de auténtica desinformación”, incidiu.

En relación a isto, De la Fuente subliñou que a alcaldesa ten a axenda completa ata marzo de 2026, con actos e reunións xenéricas e inconcretas. O concelleiro popular manifestou que “non é transparente encher a axenda de información xenérica e repetitiva, programando eventos que só pretenden encher ocos e dar aparencia de frenética actividade”.