A concelleira do Partido Popular de Santiago, Yolanda Otero, reclámalle ao BNG un maior compromiso coas entidades sociais de Compostela, sobre todo, despois de ter analizado o recentemente aprobado orzamento municipal. A popular destaca que, no apartado das subvencións nominativas, contémplase “un incremento insignificante de, apenas, 14.500 euros nas axudas destinadas a entidades sociais do Terceiro Sector.
“Esta cifra só afecta a 6 dun total de 24 entidades, o que evidencia a falta de compromiso dos nacionalistas coas institucións sociais que prestan servicios asistenciais, a través de actividades en distintos ámbitos, como: acción social, discapacidade, saúde mental, inserción socio laboral, inclusión, interculturalidade. saúde ou outras”, subliñou.
Para Otero Balsa, “o prometido incremento do BNG na colaboración coas entidades sociais da cidade quedou niso, unha promesa electoral, pois as primeiras contas elaboradas polos nacionalistas, inclúen un incremento ridículo para apoiar economicamente a estas organizacións”.
Lembra que “estas asociacións desenvolven a súa acción social segundo un criterio de proximidade no territorio, cunha implicación e compromiso a pé de rúa coa veciñanza para atender as súas necesidades o que fai de Compostela unha cidade xusta para vivir”.
No contexto económico actual, cun recorrente incremento de custos que tamén soportan estas entidades, é imprescindible aumentar o apoio económico municipal ás mesmas, para que poidan seguir prestando axuda á veciñanza que máis o necesita.
A popular remarca que estas entidades completan o sistema de responsabilidade pública municipal, coa provisión e xestión de determinadas prestacións e servizos”.
Estamos a falar de entidades que traballan en favor das persoas durante todo o seu ciclo vital: infancia, adolescencia, xuventude, idade adulta e terceira idade, ou cando presentan unha situación de discapacidade, dependencia ou padecen unha enfermidade, ou ben se atopen en situacións de risco ou de exclusión social e/ou pobreza, ou calquera outra situación de vulnerabilidade. Contribúen a dar resposta ás necesidades sociais, ao tempo que promoven a igualdade de oportunidades e a mellora da calidade de vida das persoas.
Finalmente, Yolanda Otero insistiu na súa demanda “dunha implicación municipal real coas entidades sociais que, día a día, traballan para mellorar a vida das veciñas e veciños de Compostela, uns axentes activos da sociedade santiaguesa que proporcionan respostas aos problemas da súa contorna, especializados na atención e prestación de servizos, con especial fincapé nos colectivos de maior vulnerabilidade”.