O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, amosou hoxe a súa preocupación tras
coñecer a intención do BNG de limitar o acceso dos turistas a Compostela.
Verea acusou aos nacionalistas de querer converter Santiago nun barrio dormitorio,
“perdendo así a nosa vocación cosmopolita e a esencia de mil anos recibindo xente”, e
lamentou que teñan declarados como inimigos aos visitantes e peregrinos que chegan á
nosa cidade, “o único que conseguirán así e pechala en si mesma, reducila e paralizala”.

Nese senso, o líder popular sinalou que o que se ve aquí é “cero traballo e moita ideoloxía”,
posto que levan 6 meses de retraso coa taxa turística , case un ano de retraso coas vivendas
de uso turístico e nada se sabe da famosa regulación para prohibir picnics e acampadas nos
espazos emblemáticos.

Así, destacou, “non se entende que con todas as frontes que teñen abertas e que non son
quen de xestionar, queiran abrir outra aspiña máis a ver que pasa”. “Xentes de todo o
mundo, soas ou acompañadas, esfórzanse todos os días por chegar a Santiago, non existe
un lugar do mundo que consiga esa manifestación multitudinaria de ledicia como a Praza de
Obradoiro; e agora pretenden prohibir os grupos de visitantes”, “de verdade están pensando
o que din?” preguntouse Verea, “queren prohibir a entrada de grupos de peregrinos que
chegan ao Obradoiro?”.

O tamén deputado popular afirmou que “Santiago é desde hai mil anos unha cidade
universal, cosmopolita e aberta ao mundo e nós imos defender ese compostelanismo ata as
últimas consecuencias”.

Así invitou ao BNG a que, “se realmente queren preocuparse polo descanso dos veciños, se
poñan a traballar no problema do ruído nocturno, no tráfico colapsado das nosas rúas, nunha
política de vivenda para todos e nunha cidade limpa, amable e ordenada”. “Déixense de
ideoloxía e de dar paos de cego; deixen aos peregrinos que levan mil anos construíndo o que
somos, en paz; e póñanse a traballar polo realmente importante dunha vez”, concluíu Verea.