O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, reclamou “a paralización inmediata do proceso de privatización e mercantilización do solo público que acaba de anunciar o BNG”. “Os nacionalistas -explicou o popular- o que queren é entregarlle ás construtoras privadas varios miles de metros cadrados de solo público”.

Verea destacou que é imprescindible que neses terreos “se constrúan vivendas sociais por tres vías: cedendo o solo a outra administración para a construción cen por cen pública; construíndo directamente o Concello, como están facendo noutras cidades; ou utilizando o mecanismo do dereito de superficie, co retorno obrigatorio de todo este solo ao patrimonio municipal”.

Borja Verea subliñou que “están xogando co futuro de miles de familias e, o que é máis triste, coas próximas décadas perdidas en Compostela, con anuncios que máis parecen impulsos infantís poucos solventes, cando o que realmente necesita a cidade é unha estratexia sólida e continuada que compatibilice, primeiro, habilitar solo privado, para construción privada; segundo, unha fortísima construción de vivenda social dedicada 100% a alugueiro público e proporcionar vivendas con modelos de cohousing e fórmulas cooperativas como levamos meses propoñendo e como poremos en marcha cando esteamos gobernando”.

O líder popular engadiu que “poñeremos en marcha modelos cooperativos con alugueiros accesibles non só para familias novas, senón tamén a estudantes, maiores con rendas limitadas e persoas con discapacidade que precisen servizos asistenciais, co fin de recuperar o desenvolvemento harmónico de Compostela, para consolidar un Santiago no que todos poidamos estar a gusto”.

“A política destes nove meses do BNG é un auténtico caos, con medidas contraditorias que, ou ben, son consecuencia da ignorancia e a incapacidade ou, directamente, da mala fe e a mentira, xa que, por exemplo, ao mesmo tempo que anuncian o control de alugueiros, anuncian a venda de solo público, medida expresamente prohibida pola Lei de Vivenda nos municipios con zonas declaradas de mercado tensionado”, remarcou.

Outra incongruencia dos nacionalistas, destacou é que “ao mesmo tempo, que se publicita a creación dunha empresa pública de vivenda se lle entregan ao sector privado miles de metros cadrados deste tipo de terreos cando, precisamente, se supón que sería esta entidade a que debería construír directamente estas vivendas”.

“O BNG quere un modelo que suporá entregarlle solo público a construtoras privadas, que construirán vivendas nos módulos máis caros e para a venda, non para aluguer e, como dicía antes, enganar á cidadanía, porque ou queren declarar Santiago zona tensionada ou queren vender solo público, porque as dúas cousas non as permite a Lei”, indicou.

O principal problema que ten hoxe Santiago é a vivenda, xa que as ”políticas do partido socialista de CA e agora do BNG racharon o desenvolvemento harmónico da cidade e seguen demostrándose letais para o futuro de Compostela, equivocáronse, equivócanse e queren seguir equivocándose”, subliñou o popular.