O concelleiro do Partido Popular de Santiago, Borja Rubio, xa advertiu dos riscos de ter o contrato en precario do servizo de limpeza e conserxería nos Centros de Educación Infantil e Primaria (CEIP) da capital de Galicia pola falta de licitación, ven de comprobar que os centros recibiron comunicación que desde o 1 de abril non se subministrará nin xabón nin papel hixiénico.

Para o edil popular é intolerable a situación dese contrato, que afecta a milleiros de nenos e nenas composteláns, é unha mostra máis é a perda de servizos por parte dos centros públicos de ensino no noso concello.

Rubio Somoza explicou que “logo de meses de goberno nacionalista, a pesar de ter advertido este risco, seguimos vendo a ineficacia do BNG, que non está á altura”.

“É unha mágoa ver como os servizos públicos se van deteriorando na nosa cidade ata o punto de que deixan de subministrar cousas tan básicas como o xabón ou papel hixiénico en centros públicos educativos”.

Para o concelleiro, estamos ante “unha situación de abandono por parte dos nacionalistas das súas obrigas”. Así a falta de licitación do servizo supuxo desigualdades laborais, a non mellora do servizo e agora un capítulo máis con estes feitos.

Rubio esixe ao BNG unha resposta a altura da cidade que gobernan, uns servizos públicos que axuden a mellorar a vida da comunidade educativa, non que sexan unha preocupación constante para os centros de ensino.