O concelleiro popular, José Ramón de la Fuente, vén de recoller as queixas dos veciños da rúa Poza Real e a súa contorna, no barrio de Conxo, por unhas pantallas antirruído que acaba de colocar ADIF ao longo da liña do ferrocarril, posto que a altura destas instalacións e a curta distancia nas que se atopan as súas vivendas provocará que os inmobles acaben cegados, sen vistas, luz e ventilación.

O popular explicou que, nalgunha vivenda, “quedan tan preto que poden ata tocalas coas mans desde as fiestras, e, o que é máis grave, o proceso de instalación podería afectar aos cimentos das casas.

De la Fuente subliña que “os veciños non pediron as pantallas posto que consideran suficientes as instaladas hai anos, que contan con tres metros de altura e son transparentes, polo que deixan pasar vistas e luz, fronte as actuais que son opacas e de seis metros de altura, polo que transformarán algunha casa nunha auténtica cova”.

Ante esta situación, De la Fuente denuncia a falta, por parte do BNG, de sensibilidade e unha implicación coa defensa dos intereses dos veciños desta zona que, sen embargo, si tiveron noutros lugares de Santiago, onde ADIF non executará a instalacións deses “mamotretos” que os illan do resto da cidade”.

Ao concelleiro popular sorpréndelle a falta de empatía, comprensión e respaldo aos afectados por parte dos nacionalistas, posto que coñecen directamente polos veciños a situación e non foron quen de representalos ante ADIF, co fin de acadar unha solución menos agresiva a un “suposto” problema que, insisten, eles non padecen e que aseguran que “é bastante máis molesto o ruído dos vellos autobuses que pasan por aquí diante”.

Para o popular, os nacionalistas debían poñerse no lugar dos veciños, en vez de defender os intereses de ADIF, polo que “terían xa que ter contactado coa xerencia do ente ferroviario e instalos a buscar unha solución ao problema real que crearon, que non é outro que afogar as casas deses veciños, con esta actitude parecen non estar ocupados cos problemas da xente, pero si preocupados por non crearlle molestias a ADIF”.