O Concelleiro do Partido Popular, Borja Rubio, anunciou na semana na que se conmemora o Día Europeo da Infomación Xuvenil a presentación dunha proposta no vindeiro pleno municipal para postular a Santiago de Compostela como Capital Europea da Mocidade.

Esta iniciativa ten como obxectivo destacar o potencial da cidade e o seu compromiso coa mocidade, así como promover valores como a igualdade e a sustentabilidade a nivel europeo.

“Ata o momento ningunha cidade española ten acadado converterse na capital europea da mocidade desde o seu nacemento no ano 2009”, sinalou o concelleiro Rubio. “Estamos por tanto ante unha oportunidade para poñer a Compostela no mapa de Europa no que respecta a políticas de mocidade, buscando unha promoción ligada a este ámbito e promocionando valores como a igualdade e a sustentabilidade”, engadiu,

O concelleiro popular destacou a rica historia e cultura de Santiago de Compostela, así como a súa activa comunidade xuvenil, como motivos fundamentais para aspirar ao título de Capital Europea da Mocidade. Resaltou ademais os beneficios económicos, culturais e sociais que esta designación podería achegar á cidade e á súa mocidade.

Para Rubio, “Santiago de Compostela, coa súa destacada reputación internacional como destino de peregrinación, cunha universidade de renome e o seu recoñecemento como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, ten o potencial para converterse nun punto de referencia para a mocidade europea”.