A concelleira do Partido Popular de Santiago, María Baleato, denunciou hoxe a falta de política aeroportuaria do BNG, que non presenta obxectivos concretos, nin unha liña de actuación coherente.
Coas últimas declaracións dos nacionalistas, os veciños de Santiago volven a atoparse ante unha nova mensaxe baleira, como as moitas que levan enviando aos medios de comunicación desde que entraron no Goberno, unha mostra máis da súa incompetencia e incapacidade para dirixir os retos dunha cidade que é a capital de Galicia.
“Desde que está a gobernar a cidade o BNG, o que vemos e escoitamos na prensa é a eliminación de prazas na oferta de voos e reducións nas conexións por avión, así que o que lles queremos dicir, desde o Partido Popular, é que se poñan a traballar e deixen de buscar culpables”, explicou Baleato.
Para a concelleira popular, “resulta sorprendente que os nacionalistas digan agora que necesitamos incrementar as conexións internacionais, cando é o propio BNG o que as ven deixando marchar, polo que insistimos en que defendan, con convicción, o noso aeroporto”.
A popular lembrou que “xa no Pleno ordinario do mes de febreiro amosamos a nosa preocupación pola anunciada redución de 40.000 prazas na oferta de voos para a tempada de verán e polas reducións aeroportuarias, que pasaban de 25 a 20, o que afecta ás conexións internacionais”.